A Alcaldesa inaugura o I Congreso Iberoamericano Cultura e Memoria, un espazo para abordar conceptual e culturalmente a morte

Fecha: 30/11/2018
Hora: 00:00h

A Alcaldesa, Lara Méndez, xunto á Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, a Subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, Jesús Valdés, auxiliar do Vicerreitorado de Coordinación do Campus de Lugo, e José Antonio Muñoz, vicepresidente da  Asociación Nacional de Entidades e Empresas Municipais de Servizos Funerarios e de Cemiterios, inaugurou o I Congreso Iberoamericano Cultura e Memoria, dedicado a abordar As Perspectivas da Morte. Méndez destacou que esta iniciativa, organizada polo Concello en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela no marco dos actos de conmemoración do 70 aniversario do cemiterio municipal de San Froilán, é un éxito de convocatoria, con máis de cen participantes entre poñentes e inscritos chegados de toda Galicia e o resto de España. No acto de inauguración participou tamén por videoconferencia Luis Dulout, presidente da Rede Iberoamericana de Cemiterios Patrimoniais.

O encontro contribúe ao obxectivo do Goberno de converter Lugo en cidade de congresos, pola difusión de coñecemento que supoñen, pero tamén porque serven de plataforma para a promoción da riqueza patrimonial da cidade. Por iso, aposta por temáticas diferenciais como é a da morte e os rituais funerarios. De feito, este é un dos poucos foros en España que se celebran sobre este tema. Neste senso, o congreso, así como todas as actividades culturais que organiza o Concello no cemiterio municipal, asegurou a Alcaldesa, serven para romper o tabú da morte que persiste na sociedade, “a abordarla con normalidade como un feito natural que forma parte da vida. Mentres a morte siga sendo un tema tabú, non vamos poder honrar a vida”.

O programa do I Congreso Iberoamericano Cultura e Memoria, que se celebra entre hoxe e mañá no auditorio do Vello Cárcere, abrangue distintos eixes temáticos: representacións da morte na historia, ritos funerarios e morte nas distintas culturas, antropoloxía da morte e grandes cemiterios monumentais. Haberá conferencias, comunicacións e mesas redondas; todo elo cun obxectivo: crear un foro de debate e estudo das distintas achegas científicas e de investigacións que neste ámbito proporcionen información precisa a través da cal poder abordar conceptual e culturalmente a morte.